Diagnose
O teléfono móbil está amplamente estendido entre os menores. O crecemento está a producirse de forma ascendente, xa que os menores acceden de xeito habitual aos dispositivos móbiles dos seus pais (o referente por excelencia de seguridade) desde idades temperás.
O éxito da realidade dixital nos menores , entre outras razóns, débese ao seguinte:
- Necesidade de recoñecer e seren recoñecidos.
- É a plataforma máis potente para amosar a súa opinión ante o mundo que os rodea.
- O acceso é sinxelo e non require un coñecemento previo. Os cativos de dous e tres anos acceden de xeito habitual aos terminais dos seus pais.
- A sensación de ser aceptado polo grupo anteponse a calquera dos riscos (característica da adolescencia en todos os períodos evolutivos da historia).
- Valoran e séntense valorados. Un estudo publicado en Frontiers in Human Neuroscience demostrou que o "gústame" se equipara á necesidade de comer ou ter relacións sexuais, que se sitúa no núcleo de accumbens, o encargado de procesar os sentimentos gratificantes que son producidos por elementos naturais e sociais como a comida, o sexo, o diñeiro e a aceptación social.
- Facilidade no rexistro e no acceso a plataformas, redes sociais e aplicacións para telefonía móbil.
- Protagonismo que se lle deu á realidade dixital como elemento de calidade e desenvolvemento. Facerse maior é ter presenza na realidade dixital. Canto máis uso, máis redes e máis aplicacións, máis referente é o menor no seu grupo de idade. O grupo que tradicionalmente se coñecía converteuse xa no número de contactos dixitais. Canto maior sexa o volume menos seguridade e máis dificultade de coñecemento e referencia por parte dos pais.
Tipo de apps e redes sociais
Segundo a Universidade de California, para que unha plataforma ou aplicación se considere rede social debe cumprir tres requisitos:
- Poder construír un perfil.
- Poder establecer conexións con outros usuarios.
- Poder consultar quen son os amigos propios e os amigos destes.
Na actualidade, calquera aplicación ou plataforma que usan os menores reúne estas características.
En todas as redes sociais debe exporse que o obxectivo final é o maior número de usuarios conectados. Xa que logo, ningunha medida de privacidade irá nunca contra a súa finalidade de orixe nin será garantía de seguridade absoluta para o usuario.
Todas as aplicacións teñen a opción de ser vinculadas a unha rede social (Google+, Facebook, etc.). Por tanto, se nun principio non se presentan como tal, terminan séndoo nas mans dos menores e, por tanto, sendo accesibles a calquera usuario.
Por norma xeral, todo o que contén un dispositivo móbil no momento que inicia a transferencia de datos (conectividade a internet) é susceptible de ser adquirido cuns mínimos coñecementos, non só de técnicos dedicados ao malware, senón por usuarios menores asesorados por un número extenso de recomendacións en páxinas web ou tutoriais en redes sociais como YouTube.
Definición de app:
Unha aplicación móbil ou app (apócope da palabra en inglés) é unha aplicación informática deseñada para ser executada en teléfonos intelixentes, táboas e outros dispositivos móbiles. Polo xeral están dispoñibles a través de plataformas de distribución operadas polas compañías propietarias dos sistemas operativos móbiles, como Android, iOS, BlackBerry VOS, Windows Phone, etc. Existen aplicacións móbiles gratuítas ou outras de pagamento, onde como media entre o 20 % e o 30 % do custo da aplicación se destina ao distribuidor e o resto é para o desenvolvedor.
É importante aclararmos o termo de permiso nas aplicacións.
Cando instalamos as aplicacións, estas adoitan posibilitar permisos para acceder a:
- As imaxes: o noso espazo máis íntimo.
- Os nosos contactos: as persoas máis próximas e queridas.
- O envío de mensaxes e chamadas: co custo económico que xera.
Cómpre ter claro un criterio de relación controlada. Só se deben agregar ao espazo dixital as persoas máis próximas, coñecidas e seguras.
A identidade: mellor protocolo para protexer a intimidade.
A identidade defínese como o conxunto de trazos ou características dunha persoa ou cousa que permiten distinguila doutras nun conxunto. É algo propio de cada ser humano, e a imaxe corporal forma unha parte moi importante dela. É un tesouro que non se debe compartir con calquera. As persoas menores e adolescentes están en proceso de formación, polo que é fundamental protexelas de exposicións múltiples.
This project has been funded with support from the European Commission. This publication reflects the views only of the author, and the Commission cannot be held responsible for any use which may be made of the information contained therein.