Lifelong Learning Programme

Que son os xogos en liña?

Moitos pais ven os seus fillos chateando ou xogando con outros soportes dixitais pero son moi poucos os que xogan como os rapaces e saben exactamente como funcionan. Neste capítulo falarase dos aspectos máis importantes dos xogos en liña.

Comproba primeiro os teus coñecementos. Vai ao xogo (mirar abaixo) e volve despois para obter información máis detallada.

Información básica

Os xogos en liña pódense clasificar en dúas categorías:

Mirando as posibles respostas á pregunta número 1 do xogo, seguramente recoñecerías o Monopoly, como o único xogo de mesa tradicional que aínda é moi popular. Ademais, modernizouse cara á era dixital e tamén se pode xogar como un videoxogo, ou un xogo de computador (Monopoly City Streets, Monopoly Tycoon, Monopoly Millionaires, etc.).

O segundo xogo de mesa da lista, Settlers of Catan, foi creado en Alemaña en 1995 e contén moitos elementos estratéxicos que encaixan perfectamente no desenvolvemento dun xogo de computador de estratexia. Catan: o xogo de computador. En 2005 creouse tamén a versión como xogo en liña.

Estes son só dous exemplos de como xogos de mesa moi populares se fixeron camiño cara ao mundo en liña sen perder o seu concepto principal.

Age of Empires é unha serie de xogos para PC. Concíbese como un xogo de estratexia a tempo real en 1997, baseándose en feitos históricos. Cada xogo céntrase nun tempo histórico diferente, desde a Idade de Pedra ata os tempos modernos (exemplo: a colonización de América) en Age of Empires III. Sendo moi popular, fíxose camiño cara ao mundo en liña con Age of Empires Online, que transcorre na antiga Grecia e na civilización Exipcia.

StarCraft é un videoxogo de estratexia militar de ciencia ficción en tempo real no que tres especies libran unha batalla para dominar unha parte da galaxia onde transcorre o xogo. Chegou a ser extremadamente popular, nomeadamente en Corea do Sur. Dalgún xeito, StarCraft pode ser probablemente o sucesor de Age of Empires, xa que os dous son xogos de estratexia, aínda que StarCraft se centra máis no aspecto militar.

O xogo mencionado no primeiro escenario dos xogos en liña, League of Legends (LoL) estaría na categoría MOBA (multixogador en liña campo de batalla), que pertence tamén aos xogos de estratexia. Actualmente é un dos xogos en liña máis populares porque as batallas non teñen un tempo limitado (de 20 a 60 minutos), de maneira moi similar aos tradicionais xogos de mesa. Os xogadores controlan o seu "campión" e poden facer que avance niveis. Poden formar pequenos grupos (normalmente de cinco persoas) para poder xogar en contra do equipo adversario. Hai catro escenarios diferentes (mapas) chamados Fields of Justice, para poder xogar principalmente en dous modos: o primeiro require destruír o nexo inimigo (unha especie de base-casa) mentres defendes a túa propia, para poder conseguir o maior número posible de puntos de captura. LoL é gratuíto, e finánciase mediante os micropagamentos utilizando os puntos Riot, que os xogadores poden comprar na tenda do xogo.

EverQuest, tamén coñecido como MMORPG (xogo de rol multixogador en liña), é un dos xogos máis coñecido da súa clase de 1999. Baséase no seu antecedente MUD (xogo de alxubes multixogador); os xogadores escollen un personaxe ou avatar (tamén chamado char ou toon), que se vai desenvolvendo durante o xogo movéndoo por un mundo medieval de fantasía, loitando contra monstros e inimigos, para gañar puntos de experiencia. Os xogadores únense para formar grupos ( gremios) para poderen abordar os obxectivos de xeito conxunto, interactuar con outros a través do xogo de rol, e tamén desafiarse en zonas específicas. Ao principio pedíase unha cota de subscrición, pero no desenvolvemento das versións posteriores introduciuse un novo sistema polo que os xogadores poden elixir entre un nivel gratuíto (bronce), outro dun único pagamento (prata) e un terceiro de subscrición (ouro).

World of Warcraft (WoW) é unha versión máis moderna de MMORPG (xogo de rol en liña multixogador), que foi lanzado en 2004. É moi parecido ao EverQuest e permite tamén aos seus xogadores escolleren o personaxe avatar que desenvolverán durante o xogo, vencendo monstros e participando en misións. Principalmente hai dous tipos de xogos: persoa contra o medio (PvE) ou persoa contra persoa (PvP). En ambos os casos, os xogadores terán que formar gremios para poderen facer fronte de xeito conxunto ás misións. O xogo require un pagamento regular de subscrición. As prestacións sobre o control por parte dos pais ofrécense desde o mesmo xogo, o que lles permite limitar o tempo de xogo, crear un horario ou, simplemente, obter estatísticas sobre a actividade de xogo do neno ou nena.

Un cuento en el desierto pertence tamén á categoría (MMORPG) e ambiéntase no antigo Exipto. Contrariamente a WoW, non inclúe ningunha batalla pero hai retos en forma de 56 tests pertencentes a grupos diferentes. Posteriormente creáronse sete versións, chamadas "tellings".

Final Fantasy XI é un MMORPG desenvolvido en Xapón en 2002. Como o nome indica, está ambientado nun mundo de total fantasía coas mellores aplicacións, como escoller e desenvolver un personaxe participando ou completando misións para avanzar no xogo. Pódese xogar nun computador ou na Play Station, e todas as versións requiren unha subscrición.

Os MMORPG probablemente sexan os xogos en liña máis populares e existen en moitos países en diferentes servidores que agrupan os seus xogadores polo seu idioma. Final Fantasy XI mestura xogadores de diferentes linguas e ofrece un tradutor en liña para necesidades comunicativas básicas.

Counter-Strike é un de videoxogo de disparos en primeira persoa, onde os xogadores deben formar equipos para actuaren como un grupo terrorista ou antiterrorista, loitando uns contra outros, coa intención de cometeren ou previren os ataques terroristas.

Diablo é un videoxogo de rol coñecido como hack and slash (cortar). Pódese xogar tanto na Play Station como no computador, utilizando o rato para se mover ou realizar outras accións, como conxurar un feitizo ou comprar obxectos.

Estes son só algúns exemplos dos moitos xogos que hai dispoñibles hoxe. As extensións, igual que as novas versións que existen, están a ser constantemente melloradas, e tamén se lanzan novos xogos. Para que os pais saiban a que xogan os seus fillos e como o fan, é indispensable falaren con eles, amosaren interese nesta nova maneira de xogar, estaren dispostos a aprender con eles e deles, e buscaren información adicional en caso de dúbidas. Algunhas páxinas web "neutrais", como Wikipedia, ofrecen información básica detallada da maioría dos xogos, que pode axudar aos pais para entenderen un pouco máis un xogo concreto.

Lifelong Learning Programme

This project has been funded with support from the European Commission. This publication reflects the views only of the author, and the Commission cannot be held responsible for any use which may be made of the information contained therein.