Análise
Definición e tipos
O sexting consiste no intercambio de fotos, vídeos ou mensaxes de contido sexual a través dun dispositivo tecnolóxico por unha ou ambas as partes implicadas. Os contidos adoitan estar dirixidos a unha parella amorosa aínda que en ocasións envíanse a amigos tomándoo como un xogo. A continuación preséntase unha serie de condicionantes que contribúen e están directamente relacionados co sexting:
Voluntariedade inicial. As persoas involucradas no intercambio do contido sexual son os propios protagonistas, por propia iniciativa, sen necesidade de coacción nin mesmo que se lles pidan que o faga. Estas fotos, vídeos ou mensaxes créanse como agasallo ou forma de relación.
Dispositivos tecnolóxicos. Son fundamentais para a existencia e a difusión do sexting. Estes aparellos facilitan a difusión a outras persoas, de maneira que o alcance que pode ter este tipo de contidos chega a ser incontrolable. Cabe destacar a importancia que teñen os teléfonos móbiles, xa que hoxe en día practicamente todos os rapaces conta cun deles, o que lles permite gravar contidos en calquera lugar onde teñan un pouco de intimidade. Tampouco podemos obviar a utilización da cámara web, que permite gravar vídeos de contido sexual.
O sexual fronte ao atrevido. Considérase que unha situación está dentro do sexting cando o protagonista posa en situación erótica ou sexual. Quedan fóra deste termo as imaxes e os vídeos que simplemente poidan resultar atrevidos ou suxestivos, pero sen contido sexual explícito.
A importancia da idade. O alcance do sexting non só está nos adolescentes, senón que os adultos tamén xeran e difunden este tipo de contido. De feito, datos de investigacións realizadas en Estados Unidos e Europa revelan que a incidencia do sexting entre os adultos é superior á dos menores: un 31% das persoas entre 18 e 29 anos recibiron imaxes con contido sexual procedentes dun coñecido, e un 17 % das persoa entre 30 e 49 anos.
En Europa avanzouse canto á regulación do sexting, o grooming e a pornografía infantil virtual, por medio de acordos como o Convenio do Consello de Europa para a protección dos nenos contra a explotación e o abuso sexual, que pretende regular todos os fenómenos perigosos que se propagan a través das tecnoloxías da información e da comunicación.
Riscos e consecuencias
En que medida afecta este fenómeno aos adolescentes? Quen o practica?
Varios estudos revelan que máis dunha cuarta parte dos adolescentes enviaron unha foto de si mesmos usando medios electrónicos, que a metade deles recibira solicitudes para facelo e que un terzo realizara tales peticións. Adoitan ser os mozos os que llo piden ás mozas, das cales un 27 % se sente ofendida por iso. Tamén se revela que os que máis practican o sexting son aqueles que teñen parella e coa que manteñen relacións sexuais.
A enquisa EU Kids, promovida pola Comisión Europea, no seu programa Safer Internet amosa os seguintes datos: un de cada 10 menores de entre 12 e 16 anos afirma recibir mensaxes de carácter sexual; deles, unha cuarta parte afirmou molestarlle a recepción de tales mensaxes.
- En Europa o 14 % dos menores entre 11 e 16 anos afirma recibir ou ver mensaxes de tipo sexual nos últimos doce meses. A idade é un factor moi importante, pois se observa un notable crecemento canto maior sexa o menor: 3 % entre 11 e 12 anos, e preto do 10 % entre 15 e 16.
- Tamén hai diferenzas segundo o sexo: preto do 10 % dos rapaces afirma recibir nalgunha ocasión sexting por internet, fronte ao 5 % das rapazas. Os homes están máis expostos á pornografía en internet e á recepción de mensaxes sexuais, entanto que entre as nenas é máis frecuente sufrir ciberbullying.
Estas mensaxes vense ou recíbense de xeito moi esporádico, cunha frecuencia menor dunha vez ao mes. Arredor do 2 % dos menores en Europa confesa ter peticións de falar de sexo ou enviar unha fotografía ou un vídeo seu amosando os seus órganos sexuais por parte doutra persoa a través de internet. - Os pais subestiman a incidencia do risco que levan consigo as mensaxes sexuais, reportado por un 9 % dos menores e estimado por só un 5 % dos pais.
- En xeral, os adolescentes e os adultos cren que unha imaxe nun móbil está segura e non son conscientes das varias maneiras en que esa imaxe pode saír do dispositivo; un roubo, un erro, unha brincadeira, un extravío... ou a vontade do propietario son suficientes para iso.
Consecuencias
Cabe destacar que, na práctica, os riscos que comporta o sexting son diversos e dificilmente se atopan illados. Normalmente, estas situacións de compartir contido sexual por medios electrónicos derivan en ameazas que aparecen entrelazadas.
- Ameazas á privacidade do menor. O primeiro risco que está a asumir, sen se decatar, quen envía imaxes ou vídeos con contido persoal é a perda de privacidade. Nunca se pode saber o alcance deste contido, polo que pode acabar nas mans doutras persoas que o autor non pode controlar. Logo de enviar algo, pérdese o control da súa difusión.
- Trastornos psicolóxicos: · Quen ve a súa imaxe difundida pola Rede vese sometido a un acoso e a unha humillación pública por parte dos seus amigos, compañeiros de instituto ou descoñecidos, o que pode derivar nun trastorno psicolóxico. Entre estes riscos están os problemas de ansiedade, a depresión, a exclusión social, etc.
- Ciberacoso: O ciberacoso (ou ciberbullying) entre iguais supón o acoso dun menor cara a outro menor en forma de insultos, vexacións, ameazas, chantaxes, etc., a través dun medio tecnolóxico. No caso do sexting, a humillación pública pode derivar en que o protagonista do contido desvelado poida sufrir ciberacoso. As burlas e o acoso poden ser puntuais ou prolongarse no tempo, pero as secuelas psicolóxicas que quedan no menor adoitan ser evidentes en ambos os casos.
- Sextorsión: Considérase "sextorsión" a chantaxe que alguén (menor ou maior de idade) exerce coa posesión do contido sexual para obter algo da vítima, ameazando coa súa publicación. O contido sexual privado nas mans inadecuadas pode constituír un elemento para extorsionar ou chantaxear o protagonista das imaxes ou vídeos. Trátase, xa que logo, dunha situación delicada e difícil de abordar para un menor de idade. O adolescente, ante o medo de que o seu "sextorsionador" poida dar difusión a imaxes sensibles que o comprometan publicamente, pode acceder á súa chantaxe, que normalmente consiste en seguir enviándolle fotografías e vídeos de carácter sexual e, en casos extremos, realizar concesións sexuais con contacto físico. Deste xeito, o menor pode entrar nunha espiral cuxa única saída pasa por non acceder ás pretensións do acosador e comunicar a situación a un adulto.
- Grooming: · O grooming defínese como o conxunto de estratexias que unha persoa adulta desenvolve para gañar a confianza do menor a través de internet co fin último de obter concesións de índole sexual. Grooming e "sextorsión" poden estar directamente relacionados. Estariamos ante un caso de grooming se un adulto posúe contido dun menor facendo sexting e o utiliza para o ameazar con publicalo se non lle dá o que el poida pedir a cambio, como poden ser máis fotos ou vídeos ou mesmo encontros físicos.
- Riscos físicos e xeolocalización:Os riscos máis graves radican en que as imaxes e os vídeos poden conter certos elementos que axuden a identificar a quen aparece neles ou que faciliten a súa localización, expóndose así a pederastas. As aplicacións de xeolocalización e xeoetiquetaxe de contido multimedia para dispositivos móbiles poden facilitar a localización física.
This project has been funded with support from the European Commission. This publication reflects the views only of the author, and the Commission cannot be held responsible for any use which may be made of the information contained therein.