Prevención
Consellos para pais: Como evitar o sexting?
É necesario centrarse na prevención, e esta pasa principalmente por inculcar nos menores unha cultura da privacidade; é dicir, conseguir a concienciación dos menores canto aos riscos de expor contido persoal de xeito público, conseguindo así que valoren a privacidade dos seus datos. Unha medida importante respecto a isto é falar con eles razoadamente sobre estes temas, sen que haxa tabús, establecendo un debate sobre os posibles riscos e os casos de actualidade, á vez que se xera un ambiente de confianza que lle facilite ao menor a reflexión sobre as consecuencias e a expresión das súas ideas.
- Os pais deben falar sobre sexting cos seus fillos. Debe formar parte da súa educación sobre os coidados que cómpre ter na vida real, como o é que non falen con estraños. Débese falar con total liberdade sobre o que pasaría se se lle envía unha foto comprometida a alguén presumiblemente de confianza. Preguntémonos se un adolescente é quen de imaxinar o que pasaría se esa foto percorrese toda a escola ou a vise o seu grupo de amigos. Todos debemos ser conscientes dos riscos de internet.
- O teléfono non é seguro. Caemos no erro de pensar que os nosos móbiles son persoais e que só nós podemos acceder aos datos que aloxamos nel, como as fotografías. Moitos adolescentes mesmo almacenan fotografías sexuais explícitas. Os pais deberían falar cos seus fillos para explicarlles que un móbil pode sufrir danos ou extraviarse, ou que poden ser vítimas dun roubo e ver, daquela, o contido que teñen aí vulnerado. As fotografías íntimas que teñen aí poderían chegar ás mans incorrectas e difundirse moi axiña. O mellor nestes casos é que o contido sexual non exista, directamente.
- Comprender como funciona a cámara do computador. Poida que no computador co cuarto dos adolescentes, ao non contar coa protección correcta, se poida instalar doadamente "malware", onde un descoñecido poida ter acceso á cámara e ver todo o que ocorre na vida do dono do computador. Algúns consellos que se poden dar nestes casos son non amosar os datos do domicilio nin fotografías familiares, non aceptar videochamadas de persoas descoñecidas e actuar ante a cámara web como se actúa en lugares públicos. Unha práctica bastante rústica pero igual de válida é a de colocar un anaco de cinta adhesiva na cámara, conseguindo así que se un descoñecido logra acendela desde algún lugar non poida ver nada.
- Respectarse a si mesmos e respectar os demais. Os pais deben ensinar aos seus fillos que teñen que comprender que o respecto por eles mesmos e polos demais tamén inclúe o corpo, a integridade. Enviar unha fotografía con pouca roupa a un noivo ou a unha noiva podería finalizar con todos os seus amigos véndoa. Mesmo, en caso de romper a relación, a ex parella tería no seu poder fotos íntimas súas. Tamén se poden filtrar por medio de roubos, perdas ou danos no móbil.
- Non ceder ante a presión nin a chantaxe. Explicarlles que se reciben solicitudes insistentes para que proporcionen unha imaxe por parte dunha persoa querida ou de confianza, ou se sofren ameazas de alguén descoñecido, a única decisión acertada é non ceder ás peticións baixo ningún concepto. Se se trata de alguén malintencionado, deberían solicitar o apoio dun adulto responsable.
- Explicarlles que o sexting pode ser un delito. Ao mellor, os adolescentes non se decatan de que o sexting pode ser considerado un delito. En moitos países, o envío de imaxes de menores espidos ou con contido sexual considérase pornografía infantil, un delito moi grave. E considérase que un adolescente menor de idade está a cometer ese delito se recibe ou envía imaxes sexualmente explícitas, mesmo que sexan de si mesmo. Recoméndase falar cos fillos de xeito natural, xerar confianza para que acudan aos seus pais se se enfrontan a unha situación que lles causa inquedanza ou preocupación.
- Seren os primeiros en fomentar a intimidade e a confidencialidade. Estes dous conceptos están fortemente relacionados. Se alguén garda información persoal secreta, dise que é información privada. Se a información privada é compartida con outros, sobreentendendo que eses outros a compartirán só con aqueles que teñan o dereito a iso, dise que a información é confidencial. Estes principios xuntos requiren que tratemos a información privada e confidencial con respecto, non compartíndoa con outros que non teñen dereito a iso.
- Non difundir o material que lles enviaron os seus amigos. Lémbralles: "esa persoa está a confiar en ti e ti nela, así que non a traizoes, da mesma forma que esperas que a outra persoa non o faga".
- Non participar no sexting: non crealo nin reenvialo, nin fomentalo. Aínda que non se sexa consciente diso, cando se reenvía a outras persoas unha imaxe de sexting estase a participar activamente no xogo. Para terminar cos riscos asociados ao sexting, recoméndaselle ao menor que non participe nin na súa creación nin na súa difusión, e que elimine do seu terminal as imaxes deste estilo que lle puidesen chegar.
Algunhas preguntas e suxestións para iniciar a conversa:
En moitos fogares son precisamente os menores os que teñen o papel de expertos tecnolóxicos dentro do seu ámbito familiar (denominóuselles "nativos dixitais"), situación que lles pode conferir un exceso de confianza no manexo de situacións deste tipo. En consecuencia, en ocasións os adolescentes se senten autosuficientes e pensan que son capaces de resolver calquera incidencia de mellor maneira que un adulto, sobrevalorando a súa capacidade de resposta ante calquera situación que suceda nun ámbito tecnolóxico (xa sexa un problema técnico ou un risco derivado de actitudes humanas que se desenvolven no devandito ámbito).
Ademais, o feito de existir esta fenda dixital entre xeracións moitas veces impide aos pais aconsellar e entender os problemas derivados dun uso apropiado das tecnoloxías. Os pais enfróntanse a situacións totalmente descoñecidas, entanto que os menores cren que o saben todo delas, cando en realidade non é así. A seguir expomos algúns xeitos de manter unha conversa cos nosos fillos sobre este tema:
- Sabes o que é sexting?
- Cando estaba a ver a televisión vin que uns nenos tiveron problemas polo sexting. Sabes algo sobre iso?
- Que clase de cousas estades a compartir ti e os teus amigos cando estades conectados en internet?
- Informa o teu fillo de que iso é ilegal.
- Pídelle ao teu fillo que che diga se recibe fotos ou vídeos inapropiados de calquera persoa.
- Axúdalle a pensar acerca das posibles consecuencias da súa conduta (ciberacoso, baixa autoestima, depresión, problemas coa lei, etc.).
- Faille pensar na imaxe que pode proxectar.
- Que non pense que é a “última moda” para o adolescente e así será popular.
- Que non pense que só o fan os nenos e os adolescentes con problemas persoais ou de disciplina.
Que facer ante un caso de sexting? Onde denunciar?
Os adultos deben fomentar un clima de confianza cos adolescentes para poderen tratar con total liberdade con eles os riscos derivados do sexting de maneira respectuosa, madura e responsable.
No caso de que os contidos xa fosen divulgados de xeito público (nunha rede social, por exemplo), débense tomar as medidas oportunas para tratar de eliminalos. Para iso, a persoa que solicita a retirada de tal imaxe ou vídeo debe pórse en contacto cos administradores do sitio web onde está aloxado o contido e inmediatamente interpor unha denuncia ante a Policía. A axuda dun profesional sempre é moi recomendable para tratar psicoloxicamente o menor afectado, xa que pode estar a pasar por momentos difíciles ao ver exposta a súa intimidade ante todo o mundo. Ademais, hai que estar ao tanto do contorno do menor para que esta situación non derive en mofa ou ciberacoso.
This project has been funded with support from the European Commission. This publication reflects the views only of the author, and the Commission cannot be held responsible for any use which may be made of the information contained therein.