Sinais de advertencia do sexting
Por que o fan? Que os empuxa a iso?
Ao ser un fenómeno recente aínda non hai estudos concluíntes, pero todas as investigacións apuntan a varios motivos:
- Os adolescentes non valoran os riscos asociados a unha conduta de sexting debido a que, como é un fenómeno relativamente novo, non hai constancia de capítulos traumáticos que amosen os efectos adversos deste tipo de prácticas, polo que os menores non poden valorar os riscos, o que os leva a actuar de xeito transgresor. Daquela, producen e difunden sexting como agasallo á súa parella ou úsano como un recurso para se relacionar.
- Cren que unha imaxe no móbil está segura e non son conscientes das formas en que esa imaxe pode saír do dispositivo. Un roubo, un erro, unha brincadeira, unha perda ou a vontade do seu propietario son suficientes para iso.
- Confían plenamente na discreción por parte do destinatario do envío (cren que o estado de namoramento no que están é eterno). Carecen de experiencia vital suficiente que os convide a pensar en que as cousas, na vida, cambian por moi diversos factores.
- Tamén o fan como resposta a mensaxes similares que recibiron e mesmo manifestan sentir certa presión grupal, xa sexa de amigos ou xa do futuro receptor dos contidos.
- A presión por seren populares entre os seus amigos e por se sentiren aceptados no contexto dixital é moi importante para os menores hoxe en día. Isto, xunto coa plenitude hormonal, pode xerar combinacións das que se poden arrepentir.
- As influencias e os modelos sociais distan da realidade. Hoxe é moi doado achar na rede exhibicións de relacións sexuais ou espidos por persoas non profesionais. Pódese ver calquera persoa anónima na súa intimidade a través da rede; non parece tan grave que alguén apareza desta situación. O espido é algo común, ata certo punto normalizado.
- Descoñecen as consecuencias que para a súa vida pode chegar a ter o feito de que esa imaxe comprometida sexa de dominio público.
- A falta de percepción do risco que acompaña a adolescencia e o espírito transgresor desencadean certos desafíos. Nalgúns casos resulta simplemente divertido; noutros, serve para coquetear ou dar outro contido a unha relación.
En concreto, apúntanse dous como os principais factores que impulsan o sexting entre os adolescentes:
- Nos últimos tempos asistimos a unha sexualización precoz da infancia. Este concepto alude á tendencia por adiantar a adolescencia a idades cada vez máis temperás, e maniféstase sobre todo nas nenas. O sexting adoita desembocar co feito de que as menores adopten condutas sexuais inapropiadas á súa idade.
- O contexto cultural no que medran moitos adolescentes, cun marcado culto ao corpo e á fama, e no que os medios de comunicación de masas (sobre todo a TV) promoven eses e outros valores, como por exemplo a competitividade en todos os aspectos da vida (ter o mellor corpo, o maior número de amigos, ser o máis popular, etc.). O feito de que moitas estrelas do deporte, o cine ou a música realicen sexting e isto se transmita polos medios contribúe a normalizar e, mesmo, dar certo aire de prestixio á devandita actividade entre os adolescentes.
Varios estudos amosan que as principais razóns para producir e/ou transmitir sexting son as seguintes:
- Noivado
- Coqueteo
- Exhibición
- Impulsividade
- Presión dos amigos
- Vinganza
- Intimidación
- Chantaxe
- Ruptura de parella
Unha investigación publicada en 2011 por UNICEF sinalaba que os rapaces se senten adoito máis cómodos compartindo informacións íntimas ou comportándose en liña dun xeito sexualizado que fóra da rede, e que hai un número significativo de adolescentes que están a publicar imaxes súas de ton sexual na rede.
This project has been funded with support from the European Commission. This publication reflects the views only of the author, and the Commission cannot be held responsible for any use which may be made of the information contained therein.