Cales son os tipos de ciberacoso?
O anxo vingativo
O anxo vingativo vese a si mesmo como xusticeiro ou defensor, e non como acosador. Busca protexer os demais no ciberespazo e, normalmente, vese involucrado ao intentar defender un amigo que sofre acoso, tanto en liña como na vida real. Adoita traballar só e de xeito anónimo, para evitar ser vítima do acosador ao que están a intentar neutralizar. Nalgúns casos, o anxo vingativo non só se ve involucrado no ciberacoso como consecuencia da ira senón tamén pola envexa e os celos.
Famento de poder
O famento de poder busca estender o seu control, o seu poder e a súa autoridade. Resúltalle divertido que o público apoie e sexa testemuña das súas accións. Procura atención e quere ver que o seu obxectivo o pasa mal. Adoita atacar de xeito directo enviando ameazas ás súas vítimas a través de xogos, ataques na rede ou publicacións á vista de todos. Se non consegue unha reacción pode incrementar as súas accións substituíndo insultos por ameazas.
A moza mala
A moza mala, malia o nome desta clasificación, non se limita a mozas. Normalmente dáse cando os nenos ou os adolescentes se aburren; ten lugar en grupos e require público. Queren que os demais saiban quen son e demostrarlles que teñen o poder fronte a outros. A súa táctica é utilizar outras persoas para que lle axuden a pasar correos ou mensaxes instantáneas cheos de rumores ou ben facendo algo que lles axude a estender a humillación, pondo as súas vítimas en ridículo. Este tipo de acosadores pode aumentar o seu poder grazas ao apoio dos seus compañeiros ou por falta de intervención. Ás veces, cando xa non lles resulta entretido adoitan detelo.
O acosador inadvertido
O acosador que pasa inadvertido non se ve a si mesmo como un acosador. No seu lugar, constrúense unha firme fachada na rede ou actúan en resposta a unha mensaxe provocadora que recibiron. Non adoitan pensar nas consecuencias das súas accións antes de premer no botón de enviar. Xa que logo, sorpréndense cando se lles acusa de ciberacoso. Este tipo de acosador tamén pode ser alguén que estea a representar un papel ou a actuar en internet con base nas súas fantasías máis agresivas. Pode ser un neno con bo comportamento, educado e bo estudante na vida real. Con todo, na rede compórtase de xeito diferente simplemente porque pode.
P. Aftab, ‘Stop Cyberbullying’, www.wiredsafety.net (2011)
This project has been funded with support from the European Commission. This publication reflects the views only of the author, and the Commission cannot be held responsible for any use which may be made of the information contained therein.